Skip to content

Bicis.info

Inicio
- PDF Imprimir Correo-e
banner.jpg

MANIFESTO

12 de decembro. Día de Acción Global contra a mudanza do clima

Mudemos o sistema, non o clima!

A mudanza climática é a cara máis preocupante dunha crise socioambiental global que afunde as súas raíces no produtivismo e no consumismo. Un problema cuxos principais responsábeis son os gobernos e as transnacionais dos países enriquecidos, xunto coas institucións internacionais do Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional e a Organización Mundial do Comercio, mais que golpea primeiro e máis forte ás persoas máis pobres.

Queda xa pouco tempo para prevenirmos unha mudanza climática catastrófica. O Cumio do Clima de Copenhague non pode fracasar, malia os intentos de boicot dos EUA. É urxente acadar un acordo legalmente vinculante de redución das emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases causantes do cambio climático que substitúa o Protocolo de Quioto a partir de 2013. Pero non vale calquera acordo. Precisamos un que recoñeza a Débeda Climática dos países enriquecidos cos empobrecidos, causada polo seu exceso de emisións históricas e actuais desestabilizadoras do clima, débeda que fai parte da máis ampla Débeda Ecolóxica.

A Rede Anticapitalista únese desde Galiza á xornada global de mobilización contra a mudanza climática do 12 de decembro. Faino defendendo os tres “c” do principio da Xustiza Climática: contracción (redución) das emisións mundiais; converxencia nas emisións por habitante; e compensación dos gobernos e transnacionais que son responsábeis da crise climática aos que sufren as súas consecuencias.

A Rede Anticapitalista reivindica:

-Unha redución do 40% das emisións dos países desenvolvidos en 2020 a respecto dos niveis de 1990. Esta diminución deberá realizarse no territorio de cada país, sen recorrer aos mercados de carbono. Para metade de século a redución das emisións debería ser do 100%.

-A adopción por parte da Xunta e dos Concellos de planos para reducir drasticamente as emisións galegas de gases de invernadoiro. As nosas emisións por habitante de CO2 procedente da queima de combustíbeis fósiles son dúas veces e media superiores ás chinesas e multiplican case por nove as da India.

-Unha rápida e potente implementación de solucións apropiadas á crise climática, como o aforro enerxético; o desenvolvemento das enerxías renovábeis de forma descentralizada e respectuosa co territorio para substituír os combustíbeis fósiles; a promoción dos modos transporte sustentábel e a desincentivación dos que non o son; a soberanía alimentar e a agroecoloxía; ou o consumo responsábel. Rexeitamos solucións falsas e contraproducentes como a enerxía nuclear, os agrocombustíbeis ou as plantacións de eucalipto.

-O financiamento e a transferencia de tecnoloxía desde os países enriquecidos aos empobrecidos para que constrúan economías baixas en carbono, se adapten aos efectos negativos da mudanza climática que xa son inevitábeis e reduzan a deforestación.

Estamos convencidos de que a salvación do clima non virá dun imposíbel “capitalismo verde”. O crecemento indefinido da produción e o consumo é inherente ao sistema económico capitalista e non pode ser soportado por un planeta finito. Estamos a chocar contra os límites ambientais. Para solucionarmos de forma efectiva e xusta o cambio climático e os demais problemas socioambientais, en último termo, é necesaria unha transformación radical do modelo de produción e consumo para tornalo equitativo e sustentábel. Iso implica que nos países enriquecidos debemos apostar polo decrecemento e abandonar a ilusión do “crecemento sustentable”.
 
< Ant.   Seg. >

Publica en Bicis.Info

Se queres enviar unha foto, un texto, unha denuncia,  un artigo, unha ligazón ou calquera outro documento para colgar na web podes facelo escribindo ao Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver